Hoxe, con motivo do Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo, puxemos en marcha dende a biblioteca un taller sobre diversas modalidades de comunicación. O obxectivo é que todos os nenos e nenas do centro coñezan diferentes formas de comunicarse, achegándose así á realidade de moitas persoas con TEA.
O taller organízase en catro estacións interactivas (Sígname, Transmíteme, Pictografíame e Comunícate), nas que o alumnado terá a oportunidade de aprender o seu nome en lingua de signos, adaptar literatura con pictogramas, comunicarse a través de diferentes sistemas de comunicación e tomar conciencia de que coa expresión facial e a linguaxe corporal transmitimos máis do que pensamos.
Ademais destas estacións, tamén habilitamos un recuncho especial na biblioteca, onde o alumnado poderá acceder a unha selección de contos e enlaces a curtos educativos cos que ampliarán o seu coñecemento sobre o TEA.
Con estas actividades, dende o CEIP Vicente Risco procuramos educar nunha comunicación activa, funcional e inclusiva, creando un ambiente máis respectuoso e empático, onde todos e todas poidan sentirse escoitados e aceptados.
O taller, no seu primeiro día, está a ser un gran éxito, polo que permanecerá dispoñible na biblioteca durante todo o mes de abril.












No hay comentarios:
Publicar un comentario