O noso proxecto
de centro titulouse Unha escola sen fronteiras. Ao longo deste
percorrido descubrimos lugares, comidas, costumes e tradicións de diferentes
partes do mundo. Porén, decatámonos de que coñeciamos moi pouco dunha cultura
que leva máis de 600 anos formando parte da historia e da riqueza cultural de
España: a cultura xitana.
Grazas a
Elisabet, nai de, Jessica e Robeto
e a Sarai, nai de Adonay a nosa biblioteca converteuse por un día nun
espazo de encontro, aprendizaxe e emoción. Con enorme xenerosidade e cariño,
compartiron connosco os costumes do seu pobo, a súa deliciosa gastronomía e a
paixón dun xeito de bailar que nos emocionou e nos fixo participar dunha
tradición chea de vida e sentimento.
Foi unha experiencia inesquecible
que nos permitiu derrubar prexuízos, abrir a mente e achegarnos á verdadeira
esencia da cultura xitana. Para seguir aprendendo, a biblioteca incorporará
novos libros sobre este pobo e a súa historia. Mais hai algo que ningún libro
pode transmitir por completo: a calor das persoas, as emocións compartidas e a
riqueza dunha cultura vivida en primeira persoa, tal e como tivemos a fortuna
de experimentar na nosa biblioteca.




No hay comentarios:
Publicar un comentario